Monday 29 de April de 2024

Do Campo aposta por romper “día a día” as barreiras das persoas con discapacidade e poñer en valor as súas aptitudes


Do Campo puxo en valor dous eixos da política da Xunta en materia de discapacidade: a atención temperá e a nova Lei de Accesibilidade

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, participou nos actos conmemorativos do Día internacional das persoas con discapacidade, organizado pola Asociación de pais de persoas con trastorno do espectro autista da Coruña (Aspanaes) no colexio de educación especial que ten no Castro de Elviña, na Coruña. Alí, apostou por poñer en valor as aptitudes das persoas con discapacidade e por facer fincapé “na súa extraordinaria capacidade para romper barreiras día tras día”.

No encontro, que incluíu a lectura dun manifesto e a entrega á Fundación Seur de tapóns de plástico no marco da campaña “Tapóns para unha nova vida”, tamén estiveron presentes a presidenta da entidade, María José Álvarez Folgar, o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, o xerente da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar, e o representante da Fundación Seur Carlos Martín, así como os membros da comunidade educativa do centro.

Do Campo recordou que o Goberno galego traballa “decididamente pola integración”, por ser un colectivo prioritario para a Xunta. Nesta liña, recalcou que nos últimos dous anos o orzamento destinado á integración social medrou un 8,6%, ata situarse nos 100 millóns.

Cómpre salientar tamén que entre 2009 e este ano a Xunta creou 848 novas prazas públicas en residencias, centros ocupacionais e de día. Alén diso, hoxe Galicia conta cun total de 5.000 prazas para persoas con discapacidade financiadas polo Goberno autonómico.

Dentro desta liña global, a delegada territorial quixo salientar tamén dous eixos: a atención temperá deste colectivo e a nova Lei de accesibilidade. Por unha banda, cúmprese un ano da aprobación do Decreto de Atención Temperá, a través do que o Goberno galego creou por primeira vez en Galicia unha rede de atención temperá que está dirixida a prestar unha atención integral aos menores e as súas familias; avanzar na súa autonomía e calidade de vida; e fomentar a prevención da dependencia. Por outra banda, Do Campo lembrou que o Parlamento ven de aprobar a nova Lei de accesibilidade, que actualiza e mellora a anterior normativa na materia, que databa de 1997, e busca garantir a máxima autonomía dos galegos e galegas.

Por iso, a normativa avanza cara unha “verdadeira accesibilidade universal, un concepto moito máis amplo e actual do que tradicionalmente se ten considerado, e que vai máis alá das barreiras arquitectónicas”. Así, a nova Lei avanza en eidos como as telecomunicacións, as novas tecnoloxías ou os servizos que se prestan desde as administracións públicas.

A delegada referiuse tamén á inserción sociolaboral das persoas con discapacidade nunha idade adulta, ao entender que “non hai mellor ferramenta de integración que o emprego”. Por iso, a Consellería de Traballo e Benestar incrementará en 2015 o orzamento dos programas de emprego para a discapacidade en 350.000 euros, chegando ata os 17,7 millóns de euros.

Colaboración con Aspanaes
A relación entre a Xunta de Galicia e Aspanaes “ten sido estreita e fluída desde o primeiro día no Goberno galego”, explicou Do Campo. Aparte do eido educativo, no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten concertadas 119 prazas educativas nos catro centros dos que Aspanaes dispón na provincia –A Coruña, Ferrol, Santiago e As Pontes-, a Administración autonómica mantén diversas liñas de colaboración coa entidade, que presta atención a 350 persoas con autismo e conta cun plantel formado por máis de 160 profesionais.

Só en 2014, as liñas de colaboración de Traballo e Benestar con Aspanaes superaron os 2,1 millóns de euros en plans de cooperación, voluntariado e concerto de prazas. Actualmente, existen 110 prazas concertadas coa entidade en catro centros da provincia da Coruña –Ferrol, As Pontes, Santiago e Culleredo-, por valor de 2 millóns de euros.